| CONTRATO
DE EDICIÓN
CLÁUSULAS
1ª.- A AUTORA entregaralle á EDITORA o orixinal
da obra
xxxxxxxxxxxxx
que formará parte da colección xxx
de ESTALEIRO EDITORA.
2ª.- A AUTORA cédelle á EDITORA o
dereito de reproducir e distribuír a obra obxecto
deste contrato pola súa conta e risco e nas condicións
pactadas.
3ª.- A presente cesión de dereitos non ten
carácter de exclusiva, e a AUTORA pode ceder a
obra a todas as editoras que crea conveniente, sempre
que a licenza baixo a que esta nova publicación
teña lugar non torne ilegal a publicación
obxecto deste contrato nen aqueloutras que a licenza coa
que esta EDITORA traballa permita.
4ª.- A obra estará publicada baixo a licenza
Creative Commons, coas seguintes características:
Atribución: permite a outros copiar, distribuír,
exibir e executar o traballo e/ou traballos derivados
deste, só se eles dan ao creador o crédito
correspondente.
Non comercial: permite a outros copiar, distribuír,
exibir e executar o traballo e outros traballos derivados
baseados neste, só para propósitos non comerciais.
Compartir baixo condicións similares: permite
a outros distribuír traballos derivados só
baixo unha licenza idéntica á licenza que
regulou o seu traballo.
A EDITORA facilitaralle á AUTORA unha copia do
resumo en linguaxe común do texto da licenza e
outra copia do texto con validez legal.
5ª.- O presente contrato autoriza á EDITORA
(e esta comprométese a facelo en todos os casos)
a publicar a obra en galego e na normativa escollida pola
AUTORA, e nos seguintes formatos:
Libro impreso: edicións venais ao prezo fixado
pola EDITORA
E-Book: consulta gratuíta na web da EDITORA e en
webs afíns.
Asimesmo, a EDITORA resérvase o dereito de editar
a obra en calquera outro formato posíbel.
6ª.- A duración da validez do presente contrato
será pactada entre a AUTORA e a EDITORA. Nese período
de tempo, a EDITORA poderá realizar cantas edicións
xulgue oportunas da obra e dará aviso á
AUTORA antes de todas as edicións para ofrecerlle
a posibilidade de introducir modificacións. Estas
modificacións realizaranse nun prazo de tempo a
pactar entrambas partes.
7ª.- A primeira edición da obra terá
unha tiraxe mínima de 80 exemplares e máxima
de 500. As posteriores edicións non terán
un número de exemplares prefixado.
8ª.- O número de exemplares de cada edición,
dentro dos mínimos e máximos establecidos
ao respecto no presente contrato, e o seu prezo de venda
ao público, serán fixados pola EDITORA.
9ª.- A AUTORA renuncia a calquera participación
nos ingresos derivados da explotación da obra.
10ª.- A EDITORA comprométese a pór
a disposición da AUTORA todas as facturas que esta
desexe a fin de demostrar que a única finalidade
destes ingresos é a continuidade do propio proxecto
e non o lucro. Estas contas serán feitas públicas
para quen desexar consultalas.
11ª.- A distribución da obra corresponderá
á EDITORA. A AUTORA, previo acordo entrambas partes,
poderá ocuparse se quixer dunha parte da distribución,
mais os ingresos deberán retribuírse íntegros
en todo caso á EDITORA.
12ª.- A AUTORA, sempre que non haxa motivos xustificados
que o impidan, comprométese a participar como tal
nun mínimo de dúas apresentacións
públicas da obra. O número e localización
destas apresentacións será acordado por
ambas partes.
13ª.- A EDITORA someterá á AUTORA
as probas da primeira edición da obra, quedando
obrigada esta a devolverllas nun prazo acordado por ambas
partes. A AUTORA, durante o período de corrección
das probas da obra, poderá introducir as modificacións
que estime imprescindíbeis, sempre que non alteren
o seu carácter ou finalidade, nen se eleve substancialmente
o custo da edición.
14ª.- A EDITORA entregaralle á AUTORA o 5%
dos exemplares da primeira edición da obra e de
todas as edicións sucesivas que inclúan
mudanzas substanciais.
15ª.- Cando por cesamento da actividade da EDITORA
se suspenda a explotación da obra, o presente contrato
de edición ficará resolto.
16ª - O incumprimento por parte da autora dalgunhas
obrigas presentes neste contrato poderá ter como
consecuencia extrema que Estaleiro Editora decida en asemblea
ordinaria nom publicar mais textos producidos por esa
autora, ben con carácter definitivo ou ben temporal.
En proba de conformidade, as dúas partes asinan
o presente contrato na data e lugar arriba indicados.
|